O autor presentará hoxe, ás 20.00 horas na Sociedad Hijos de Palmeira, o seu libro sobre o fútbol da vila
RIBEIRA / LA VOZ DE GALICIA
Manuel Gago Pérez (Palmeira, 1949) foi mariño mercante durante dúas décadas e inspector de seguridade marítima outras dúas. Mais, dende a época estudantil, o deporte rei gañouse un oco no seu corazón. Tras xogar en «equipiños do pobo», militou no Boiro en 1967, inicio da liga do Sar. Un ano despois, algúns xogadores da parroquia soñaron un equipo á altura dos bloques dos concellos limítrofes, o xermolo do libro que presentará hoxe, ás 20.00 horas: Dos ’20 aos ’70. 50 anos co fútbol de Palmeira.
-Cal é o obxectivo co que nace esta publicación?
-A meta é que non fuxa da memoria, preservar as historias do século anterior. O ano pasado apareceu [José Antonio] Ventoso Mariño co seu Heroes na néboa -un repaso polas lendas do fútbol ribeirense- e iso deume un pulo. Entendín que cada vez ían quedando menos persoas que podían contar a historia do fútbol de Palmeira, así que partín de tres premisas fundamentais. Para relatar o que aconteceu precisaba que se tratase de xente con máis de 80 anos, que tivera vivida a historia e que tivese a cabeza ben. Só quedan catro veciños con vida que cumprían esas características.
-As testemuñas orais foron clave para sacar adiante a obra.
-Foi vital para chegar a esa parte escura, que nos quedaba máis lonxe á maioría. Os colaboradores necesarios para sacar adiante esta publicación -Santi, O Rulo; Vicente Chouza e Nolete- tiñan documentación e fotografías, pois xa abordaran o tema por distintos motivos, por exemplo, para un traballo de clase para as netas.
-Canto tempo abrangueu o proceso de documentación e recompilado da información?
-Lembro que a idea gustou alá por novembro do 2018 e todo o traballo durou preto dun ano. Fun casa por casa, mergullándome entre xeracións, e chegamos a reunir ata 186 cromos e imaxes dos futbolistas da época, moitas quitadas no propio campo. O libro está baseado na hemeroteca dixital, nas actas da sociedade, nos xornais, nas anotación das datas das fotos, documentos da biblioteca do Gaiás e, sobre todo, moitas anécdotas. Tamén temos sete montaxes fotográficas do que rescatamos da memoria, por exemplo, como era o campo de fútbol ou a reconstrución da praia de Cruces.
-Por que ata a década dos 70?
-Foi un punto de inflexión, o 30 de agosto de 1971 tivo lugar o ascenso a Terceira Rexional no campo de A Granxa, en Monelos (A Coruña). Aquel partido contra o Viveiro foi rocambolesco [3-0]. Lembro que íamos a xogalo en Riazor, pero estaban preparando o terreo para o Teresa Herrera.
-Como se explica a existencia dun club así en Palmeira?
-Somos unha parroquia no medio de concellos e estivemos batendo cobre sempre con eles [ri]. Hai un factor clave. Dende os 40 para diante, os pobrenses foron unha constante dentro do equipo. Xogadores como Acuña (Pontevedra), Pastor (Celta) ou O Rubio (Celta) foron clave. A historia está adobada con saloucos que alteraron a tranquila vida parroquial. Nunha mañá de 1955, tres helicópteros chegaron a pousarse sobre o campo, pero deixemos a sorpresa para o libro [sorrí].