Historia

O Nacemento da Sociedad Hijos de Palmeira… (Texto extraído do libro “Dos ’20 aos ’70 (50 anos co fútbol de Palmeira)” de Manuel Gago Pérez (o Carreirán), páxinas 15-19, publicado no ano 2019 por EraDixital, S.L.)

 

…Un grupo de palmeiráns emigrados na contorna da “gran mazán”, seguindo a vaga de tantos outros emigrantes, indianos, que con escasa formación intelectual pero con moitas luces de intelixencia e infinito amor a Terra, tan presto como acadaron unha mais ou menos boa posición económica alá onde os levaron os soños de mellora e de futuro familiar, deron, moitos deles, en crear sistemas cos medios para financiar a instrución dos nenos dos seus pobos de orixe, fartos de que endemicamente pouco podían esperar das Administracións oficiais.

Os palmeiráns emigrados na USA, ese mesmo ano de1.929, concretamente o primeiro de abril, xúntanse para facer unha subscrición co fin de poder construír un grupo escolar na súa parroquia. Nese primeiro acto fanse 61 socios e xuntan 150$, unhas 3.000 Ptas. Tamén se comentou o de facer tamén a carón da escola un local de reunións e biblioteca denominada Hijos de Palmeira.

Este foi o nacemento da SOCIEDAD HIJOS DE PALMEIRA.

No outubro de ese mesmo ano reúnense e deciden nomear un comité aquí en Palmeira para que vaian empezando a actuar, aprobando por unanimidade a Vicente Franco Paisal e Manuel Pérez coma Presidente e vicepresidente respectivamente. Neses intres xa contaban con 325$ (6.000 ptas.)

En novembro o comité de representantes electos pídenlle os de N.I. que lle dean as bases pola que se teñen que rexer.

O sete de decembro no Centro Galego volven a celebrar outra festa para recadar cartos e os de Palmeira van facer o mesmo na casa dos Crusat da Arrochela o día 27 que logo foi un éxito de concorrencia.

O cinco de xaneiro do 1.930 celebrouse outra xuntanza para analizar o balance de fondos correspondentes o ano 29. Liquidación de ese ano e relación de novos socios.

E xa o 17 de febreiro de ese mesmo ano rexistrase a Sociedad coma tal na capital do Estado de N.I., Albany.
Fica, desta maneira, legalizada na USA a ilusiónante e altruísta xuntanza destes nosos clarividentes devanceiros.

O cinco de abril do ano ´30, no local “Falcons Hall” de Carteret volveuse a celebrar outro baile con éxito total a recadouse a estimable suma acugulada de 178$, unhas 3.382 ptas. Nese mes a actividade de proselitismo e incansable e xa se conseguiu aumentar nun corenta por cento o número de socios.

Aquí debo engadir o grandísimo esforzo e risco destes paisanos tralo comezo do tremendo desmoroamento da bolsa novaiorquina, cuxo futuro laboral íalles ser moi impredecible.

E xa o 25 de agosto, na casa dos Crusat na Arrochela (a de Dona Concha, foto de Benito Santos o Ghaio), tivo lugar un acontecemento que marcaría definitivamente non só o andamento do fútbol parroquial se non toda a vida social deste pobo.

Deste xeito, nesta referida casa, este grupo de “americanos” e outros mais residentes no pobo, nun total de trinta e seis, comezaron esta andadura.

Así pois, a vinte e cinco días do mes de agosto do mil novecentos trinta queda fundada a Delegación en Palmeira da devandita Sociedad Hijos de Palmeira.

Da razón deste acontecemento o referido periódico cultural vigués (VG), na súa edición do día 30 de outubro, no que da conta da formación da directiva da entidade Sociedad Hijos de Palmeira, nos seguintes termos:

En Palmeira celebró junta general la sociedad “Hijos de Palmeira”.
En la reunión se procedió al nombramiento de nueva Junta directiva, la cual quedó constituida, en la siguiente forma:
Presidente, don Andrés Paisal Ramos; vice, don Vicente Franco Paisal; secretario: don Jesús González; vicesecretario, don Andrés Santiago Gómez; tesorero: don Antonio Rodríguez Martínez; vocales, don Pedro Gómez Pazos, don Andrés Gago Fernández, don Andrés Santiago Rodríguez y don Francisco Blanco.

Como ía dicindo, as aspiracións primordiais eran a formación académica dos nenos do pobo maiormente os fillos dos socios e mailos “pobres de solemnidad”.

Recólleo expresamente o Capítulo I, artigo 1º dos estatutos:

a) Construir un patrimonio que permita la construcción y el sostenimiento si posible fuese de un grupo escolar de acuerdo con los adelantos modernos, en donde puedan recibir instrucción gratuita los hijos de los socios y de los pobres de solemnidad, pudiendo este beneficio ampliarse a todos en general cuando el fondo social lo permita y así lo entienda una asamblea convocada a tal fin.
b) Crear una biblioteca escolar Literario recreativa de acuerdo con los consejos de la moderna pedagogía.
Con tal objeto, además de las cuotas mensuales de los socios, donativos y suscripciones, se organizarán veladas, bailes y otros recreos lícitos para arbitrar fondos.

Amais, coa finalidade de evitar discusións que puideran derivar en liortas persoais, que os apartasen da finalidade desta asociación, por precaución, engadiuse o artigo 2º:

Artículo 2º. Esta sociedad será ajena a todo crédito político o religioso, no permitiéndose por lo tanto en su domicilio discusiones sobre estos extremos.

Deste xeito quedou formada a SOCIEDAD HIJOS DE PALMEIRA, a senlleira particularidade ben de que tanto o presidente coma moitos da Xunta directiva tornaban para os USA logo de finar as vacacións, polo que con eles ía a Central e en Palmeira quedaba a Delegación presidida polo vicepresidente, así calquera decisión de carácter importante debería ser consultada e aprobada polos de Nova Iork.

No setembro xa tiñan recadadas en N.I. 15.320 ptas.

No xornal El Pueblo Gallego, novamente, na súa edición do primeiro de xaneiro do ´31 daba a nova de unha reunión ordinaria celebrada o pasado 28 de decembro no que debido a que o Presidente Andrés Paisal ausentábase por tornar a N.I., quedando elixido presidente o tesoureiro Antonio Rodríguez, o mesmo tempo, o socio Antonio García, aproveitouno para homenaxear en nome de todos ó Sr. Paisal con un pergamiño recibido dos palmeiráns en Ferrol (clareo no recadro), agradecéndolle a súa gran labor en pro da loita contra a ignorancia. Poño unha mostra do que, segundo o xornal, se leu naquel intre.

O Sr. García que firma estas verbas en nome de todos é José García Saiñas a quen facía uns poucos días lle habían enterrado un irmán na Illa de Arousa logo de saír a flote por haber naufragado na dorna “Rita”.

Tamén se falou de fundar unha biblioteca e o secretario Jesús González comprometeuse a súa total dotación.

Respirábase ilusión, entusiasmo e ansia de poder levar a cabo as pretensións e aproveitábase calquera novidade para convocar unha xuntanza, polo que as voltas, en un mes xa volvían a reunirse. Todo era un bulir.

Foi algo así como unha fervenza na veciñanza, pero sen chegar a soerguerse, pouco dada xa de por se a aceptar as directrices ribeiráns, sentíndoa coma un nexo de identidade parroquial. Mas aínda, coa sensibilidade a flor de pel porque durante os derradeiros tres anos (´27, ´28 e ´29) foran de teimuda reivindicación de recuperar un Concello propio para esta vila. Na sangue das xentes agromou o sentimento coma se fose o berro de un pobo asoballado.